Logotipo do Consello Galego de Colexios de Economistas
Zona Privada
usuario:
Contraseña:
emprégate!
Directorio de colexiados
Enquisas

Non hai enquisas.

Os economistas galegos prevén unha retardación significativa da economía nos próximos meses

Fonte: Consello Galego de Economistas

18/07/2019

Nova: Os economistas galegos prevén unha retardación significativa da economía nos próximos meses

O 79,7% dos economista galegos opina que  a economía se arrefriará nos “próximos meses cunha importante retardación”  e o  18, 5% estima que seguirá nos parámetros actuais. A provincia de Lugo, cun 68,7%, sitúase como a máis negativa seguida pola Coruña, cun 66,6%, mentres que os economistas de Ourense  rebaixan a percepción crítica ata o 49 %.  Pola súa banda, os colexiados de Pontevedra móstranse como os máis optimistas cun 29,3% ao considerar que “seguirá nos parámetros actuais”.

Os datos despréndense dos resultados do “Barómetro de Economía” correspondente ao primeiro semestre de 2019, realizado polo Consello Galego de Economistas. O estudo recolle a opinión do colectivo de colexiados economistas galegos en relación a parámetros crave da economía provincial, rexional e nacional. O traballo destaca pola súa actualidade posto que se realizou entre a última quincena de xuño e a primeira semana de xullo.

No acto de presentación participaron a directora do estudo, María Jesús Freire Seoane, profesora titular do departamento de Análise Económica na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña. Tamén asistiron o presidente do Consello, Miguel Vázquez Taín, e o decano do Colexio de Economistas de Pontevedra e vicepresidente do Consello, Carlos Mantilla Rodriguez, quen exerceu de anfitrión.

Cabe sinalar que son os trabadores da industria (88,6), administración pública (82,9) e servizos (82,7) quen perciben a economía de maneira máis negativa. As respostas dos traballadores procedentes da banca (27,8%) e da consultoría (19,1%) son lixeiramente máis optimistas e opinan  que a economía seguirá en situación similar.

Os economistas consideran -nun 54,7%- que a economía está igual que o ano anterior, o 20,8% afirma que está peor e o 22,7% asegura que mellorou. Son os colexiados que traballan no  sector da construción, banca e servizos os que teñen unha percepción máis positiva sobre a evolución económica, mentres que  xubilados e asalariados do sector privado móstranse máis negativos, 26,6% e 22% respectivamente. Por último, os colexiados da Coruña (25,6%) son os máis positivos sobre a percepción económica provincial e os de Pontevedra destácanse por considerar que está igual ao ano pasado (65,2%).

O problema dos prezos

As tensións inflacionistas e a evolución dos prezos foi un dos temas suscitados na presente análise da situación económica. Sobre esta cuestión, a maioría dos profesionais (54,1%) declaran que “están estabilizados, pero nalgúns produtos percíbense subidas destacadas”. Os colexiados de Lugo (73,4%) son os máis rotundos na valoración sobre a estabilidade dos prezos, seguidos de Pontevedra (55,4%), Ourense (54,9%) e A Coruña (44,4%). Son os colectivos de xubilados e asalariados do sector público os máis críticos coa estabilidade dos prezos.

Mercado da vivenda

A vivenda tamén ocupa un espazo propio no primeiro barómetro de 2019. É maioritaria a opinión de que a vivenda se está revitalizando, aínda que os prezos soben só en zonas moi concretas (43%). Pola súa banda, o 29,9% considera que os prezos empezan a subir de modo xeneralizado e o 6,8% sostén que o mercado permanece conxelado. A posición optimista sobre a revitalización do mercado da vivenda localízase preferentemente nas provincias de Ourense (82,6%) e A Coruña (77,7%).

O paro e a dimensión empresarial, principais problemas

Para os profesionais, o paro (60%) e a dimensión das empresas galegas (50%) ocupan os lugares prioritarios dos problemas da economía. E mesmo incrementa porcentualmente o nivel de preocupación respecto de anteriores Barómetros. O terceiro lugar ocúpao o déficit de infraestruturas e comunicacións, cun 46% dos entrevistados. Este problema é especialmente perentorio para os colexiados de Lugo (67%).

Do mesmo xeito que en anteriores análises do colectivo profesional, a mellora do sistema educativo (8,6 sobre 10),  seguido da  creación de novos nichos de emprego (8 sobre 10) ou a captación de investimento estranxeiro (7,8 sobre 10) son as opcións máis valoradas para fomentar o emprego e lograr un reforzamento do tecido empresarial de Galicia.

 

[Acceso ao Barómetro]

[Resumo de prensa]

 

 

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade